Friday 03 de May de 2024

Bebeto e Mauro Silva protagonizan o Trofeo Teresa Herrera, que despedirá a Álex Bergantiños


A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita os ex xogadores brasileiros do Deportivo: “Esta será unha das edicións máis especiais”

Pola mañá celebrarase a recepción oficial no Concello dos equipos participantes

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá en María Pita a José Roberto Gama de Oliveira, Bebeto, e Mauro Silva, dous dos xogadores máis destacados e queridos da historia do Real Club Deportivo, que serán os protagonistas do X e LXXVIII Trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que terá lugar este sábado no estadio municipal de Riazor.

A rexedora asegurou que “esta será unha das edicións máis especiais” do decano dos torneos de fútbol de verán. A xornada comezará co Mini Teresa Herrera pola mañá, coa disputa dos partidos de categorías inferiores. Xa pola tarde, terá lugar en primeiro lugar o partido da categoría feminina, que chega á súa décima edición, entre o Deportivo ABANCA e o Deportivo Alavés Gloriosas, a partir das 17.00 horas. Ás 19.30 horas será a quenda do trofeo masculino, que enfrontará ao Real Club Deportivo e ao Red Bull Bragantino de Brasil. Antes do comezo gardarase un minuto de silencio na honra de Luis Suárez, ex xogador do Deportivo e único xogador español de fútbol masculino gañador do Balón de Ouro.

Será durante este partido cando se produza a homenaxe a Bebeto e Mauro Silva, únicos xogadores da historia do club que se proclamaron campións do mundo formando parte do equipo branquiazul. Antes, ás 13.45 horas, haberá unha recepción oficial no salón de sesión de María Pita, que estará presidida pola alcaldesa Inés Rey, e contará coa presenza de representantes de todos os equipos participantes e dos dous ex xogadores brasileiros.
“Está sendo unha semana moi intensa e especial para o deportivismo, coa visita de Lionel Scaloni, Mauro Silva e Bebeto. Desde o Concello animamos a cidadanía a asistir mañá a esta nova edición do Teresa Herrera e darlles a eles e a Álex Bergantiños a homenaxe que merecen”, sinalou Inés Rey.